|
O goberno municipal está a argallar, da man dalgúns dos seus máis altos responsables, unha gran operación especulativa. Trátase da concesión de licenzas a un grupo de promotores para a construcción de tres urbanizacións que se estenderán desde Ber ata Arbosa. O proxecto contempla levantar varios centos de vivendas en forma de bloques e de chalets que convertirán este fermoso tramo de costa nun auténtico muro de cemento.
A pesar de que o BNG pretende esmarcarse desta iniciativa, o ata agora concelleiro de urbanismo por esta formación, o sr. Regueiro (e o inevitable Chacho), van tratar de sacar adiante este noxento negocio. Non hai moito escoitabamos ao candidato do BNG afirmar que o concello estaba denegando aos veciños novas licenzas en espera do novo PXOM. Despóis de coñecer as manobras que orquestaron en Andrade para apoiar os intereses de EINSA en contra dos veciños, descubrimos (porque a transparencia non é unha virtude da que podan facer gala) que novamente preparan, ás costas da cidadanía, unha intervención urbanística claramente ilegal en terreos rústicos non urbanizábeis. Non é a nosa intención cargar sobre o BNG a responsabilidade absoluta neste turbio asunto. A impasibidade do PP e do COE (a ignorancia non é excusa en política) e a participación do PSOE está clara. Precisamente, o candidato deste partido, o sr. Vilariño, é responsable da concesión tamén de licenzas nesta mesma zona. E o silencio desta formación con respecto a este proxecto demencial convírteos en cómplices vergoñentos. E máis, a participación do próximamente saínte Belarmino nesta escura trama (non é a primeira vez que concede licenzas ilegais ou esconde ordes de paralización) esixe unha resposta inmediata do Partido. Ou é que a frase FAREMOS MÁIS referíase a estas trapalladas?
Hai que esixir o fin definitivo da AGRARIZACIÓN da política eumesa, a limpeza de tanto preeiro sen escrúpulo e a erradicación da delincuencia organizada por parte daqueles que pretenden asegurarse ás nosas costas a súa xubilación.
|