|
OS HUMEDAIS GALEGOS: MITOLOXÍA
A historia e a mitoloxía de Galicia está chea de mitos e crenzas referidas ós humidais, cunha orixe en moitos casos incerta. Do culto precristián ós humidais e en concreto ós medios lacunares, ós ríos, ás fontes, chéganos o receo dos primeiros mandatarios da Igrexa católica, e en concreto de san Martín Arzobispo de Braga: “numerosos son os demos que, expulsados dos ceos, presiden o mar, os ríos, as fontes e os bosques, ós que os homes ignorantes de Deus verdadeiro lles fan sacrificios: no mar adoran a Neptuno, nos ríos ás Lamias, nas fontes ás Ninfas, nos bosques ás Dianas”.
Monteagudo (1957) concluíu, tras un pormenorizado estudio etnolóxico e arqueolóxico, que “a divinización das augas na antiga Gallaecia está testemuñada pola abundancia de epígrafes latinos dedicadas ás ninfas, maior que no resto de España. Os patomónimos que indican divinización son as Devas das illas Británicas, S. de Galicia, Guipúscoa e Cantabria, e os Dives e Divóns franceses”. Este culto ás divindades das augas tamén persiste aínda nas fontes (“fonte santa”), e del derivan ademais algúns topónimos galegos (Fonsagrada).
Por isto, non pode resultar extraño que o Miño, pai dos ríos galegos, continúe na actualidade habitado por gran variedade de xenios acuáticos. Algúns deles, como os “encantos”, deixaron a súa pegada na toponimia local: Pena do Encanto (Vilalba). Os “encantos”, como indica Bouza-Brey (1942), corresponderían a “homes ou mulleres escravizados polo demo e que dispoñen de grandes tesouros; que andan moi ben portados e que non morren xamais, se ben desexan que os desencanten e os libren do poder demoníaco, co fin de vivir entre cristiáns. A penas hai corrente de auga sen encanto en Galicia o Portugal”. Xunto cos “encantos”, conviven os “homes peixes”, as míticas “lavandeiras”, as “feiticeiras”, e os “xacios”, seres de corpo humano e vida anfibia (Bouza-Brey, 1942).
Outro dos temas recorrentes na mitoloxía dos humidais galegos é o referente ás “vilas asolagadas”, lugares enterrados pola auga, como condena pola inhospitalidade e a falta de caridade dos seus moradores con piadosos viaxeiros, frecuentemente representados pola Virxe María (Murguía, 1866; Bouza-Brey, 1942; Monteagudo, 1957). Como constatou Murgía (1866): “A penas se encontra lago ou lagoa importante en Galicia en que a tradición –e esta desde hai tres séculos, cando menos– non se refira a unha cidade sepultada nas profundidades das súas augas, e das cales, de antigo tamén, non se asegure que se ven trabes e demais restos”. As lendas de máis de 25 lugares de Galicia con “vilas asolagadas”, ou “cidades dos mortos, coa súa secuencia de canto de galo e redobre de campás, ten a súa correspondencia en Francia, sobre todo en Bretaña, Irlanda (...) e Alemaña” (Monteagudo, 1957). Monteagudo reseña un gran número de lugares en Galicia con lendas relativas a lugares inundados, “vilas asolagadas” que no imaxinario do noroeste ibérico desígnanse habitualmente co termo de Valverde ou Vilaverde, adquirindo en ocasións o humidal o seu nome (lagoa de Valverde).
Murguía (1866) estudiou moitas das lendas lacustres galegas e termina considerando que: “se sinalen en Galicia tantas cidades de Valverde destruídas e cubertas polas augas e que máis dunha se denomine como Lucerna, crémolo reminiscencia dos romances de milagros que se compuxeron e cantaron á porta da igrexa de Santiago, romances cunha extensión que debeu de ser grande, polas circunstancias especiais da romería. Atopámolos pertencentes ó ciclo carlovinxio, e, polo tanto, supoñemos fundamentalmente que entre eles habería algún tomado daquela pasaxe da Vida de Carlo Magno, polo pseudo Turpín, no cal se conta a destrucción da cidade de Lucerna, no Val Verde, rodeada de fortes muros, que lle permitiron resistir o poder de Carlos, só puido quedar inhabilitada e desfeita gracias ó auxilio de Deus e do Apóstolo Santiago”. De “lucerna” deriva probablemente Lucenza, topónimo co que se designa a gran lagoa glaciar da serra do Courel.
Os mitos pertencentes ó ciclo carlovinxio mestúranse cos clásicos sobre a lagoa Estixia ou sobre o río do Olvido, cando non con batallas entre mouriscos e castrexos, franceses e españois. Cadáveres, armas e vestimentas dos vencidos encontran habitualmente lugar de descanso nos leitos de ríos e lagoas. A lagoa Sacra, situada na Estrada, entre Olives e Seoane de Forcarei, constitúe un dos casos máis claros de consagración dun medio lacunar en Galicia (cf. Bouza-Brey, 1942; Monteagudo, 1957). A lagoa, que a mediados do pasado século tiña uns vinte ferrados de extensión, presentaba ó longo de todo o seu perímetro vestixios de murallas. A tradición conta que “nas súas inmediacións librouse unha gran batalla e que alí foron arrebolados os cadáveres, explicándose con tal motivo o amurallamento para evitar profanacións” (Bouza-Brey, 1942). Este mesmo uso parece que tivo a lagoa coñecida como Pozo do Ollo, en Begonte (Lugo), que foi utilizada, segundo narra a tradición local, como fosa común para as tropas napoleónicas tras a súa derrota en terras galegas.
O mito habitualmente confúndese coa realidade, xa que en moitos humidais galegos se recuperaron restos arqueolóxicos ou incluso grandes troncos de árbores, que pasaron a formar parte das coleccións de museos e universidades. Estes vestixios analizámolos hoxe desde a asepsia da investigación científica, pero a súa aparición noutros momentos da nosa historia probablemente fortaleceu e xustificou moitas lendas e mitos sobre os humidais.
Da parte arqueolóxica dos achados temos amplas referencias (López Cuevillas, 1955; Monteagudo, 1957; Murguía, 1866), que nos falan de antigos asentamentos nas ribeiras ou na proximidade dos humidais, así como de ofrendas, xeralmente espadas e lanzas, realizadas ás divindades que viven nestes medios. O carácter sagrado de moitos dos ríos, lagoas e fontes perdurou, unha vez cristianizados, mediante a edificación dunha capela ou unha simple cruz, que “revelan a loita sostida pola igrexa para expulsar das fontes ós deuses do paganismo das vellas teogonías do noroeste hispánico” (Bouza-Brey, 1942). Pese a isto, moitos humidais manteñen popularmente un carácter sobrenatural, ó ser as súas augas fontes de remedios que a ciencia médica é incapaz de xustificar.
Os troncos recuperados nos humidais abarcan un amplo período cronolóxico que se inicia no Terciario, xa que a esta era habería que atribuír os restos fósiles, algúns deles de grandes dimensións, recuperados en diversas gándaras galegas e en especial no Porriño e nas Pontes. O descubrimento do xacemento de lignitos das Pontes debeuse ó célebre xeólogo alemán G. Schültz, que observou a inicios do século XIX que os paisanos empregaban como combustible restos de madeira carbonizada recuperados na gándara. Esta gándara foi hoxe transformada nun inmenso cráter mineiro e probablemente nun futuro se convirta nun xigantesco lago artificial.
Do Cuaternario, e anterior á última glaciación, son os vestixios dunha uceira situada na actualidade no infralitoral cantábrico e cunha antigüidade que superaría os 90.000 anos. Máis recentes son os restos de diversos troncos, entre 10.000–5.000 anos, recuperados en diversas turbeiras das serras galaico-asturianas, desde a Bobia á Gañidoira, así como os documentados na praia de Reinante, ou os inmensos troncos de carballo (Quercus robur) procedentes da gándara de Valadouro (Lugo), árbores que foron datados por radiocarbono no 5.640 BP.
Dentro do imaxinario dos humidais galegos debemos resaltar finalmente a distinta consideración outorgada, na maioría dos casos, ós medios con augas libres (ríos, lagoas, e incluso fontes), fronte ós de augas estancadas (turbeiras, gándaras, brañas, etc.). Estes últimos son interpretados moitas veces de forma despectiva: humidais de augas paradas e escuras, con terreos movedizos que dificultan o andar, e frecuentemente rodeados de perennes néboas, eran considerados na tradición popular como unha paisaxe infernal, unha representación terreal do averno. A isto contribuíu, ademais, o seu carácter de terreo inútil e a súa consideración de medio insalubre forxada ó longo dos séculos.
|