|
O BNG DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE O TRAZADO DA VARIANTE DE PADRÓN CONTE CO CONSENSO DOS VECIÑOS E DO CONCELLO
Francisco Jorquera tamén lle solicita a Fomento que “de forma urxente proceda a adecentar a N-550 ao seu paso por A Ponte”
Madrid, 23 Maio 08. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Ministerio de Fomento que consensúe o trazado da variante de Padrón co concello e cos veciños.
Francisco Jorquera lembra que a variante de Padrón deseñada dende hai anos para sacar o tráfico da N-550 do centro da vila “é unha obra necesaria que acumula un importante atraso, xa que o estudo informativo da alternativa elixida xa foi aprobado de xeito provisional en maio de 2003”.
Rexeitamento veciñal ao trazado elixido por Fomento
Porén, o deputado nacionalista advírtelle ao Goberno de que o trazado elixido por Fomento “xerou un gran rexeitamento social”. “Debemos lembrar -subliña- que os veciños de Padrón manifestáronse con rotundidade no pasado, e manteñen hoxe a mesma postura, para reclamar unha circunvalación de Padrón con boas entradas e saídas e contra o desbotado proxecto dos 4 carrís”.
Necesidade urxente de adecentar a N-550 ao seu paso por A Ponte
Ademais, o deputado nacionalista advirte de que o enlace da variante coa AP-9 en A Ponte, moi preto tamén da conexión coa autovía da Barbanza, “agravaría aínda máis os problemas de illamento que sofren os veciños e veciñas desta poboación”.
A este respeito, Jorquera denuncia que os habitantes da Ponte “non poden desprazarse pola N-550 xa que a travesía neste tramo carece de beirarrúas polas que poidan camiñar; unha falta de adecentamento, agravada pola acumulación de bouza nas gabias, que pon en serio perigo a vida dos peóns que se desprazan por este tramo”. Engade tamén que enlazar a circunvalación coa AP-9 neste punto “incrementaría aínda máis o tráfico nun núcleo de poboación que xa soporta unha elevadísima circulación”.
Neste sentido, Jorquera salienta que as reivindicacións dos veciños “son claras e de hai anos: que se acondicione o tramo da N-550 e que o trazado da variante prosiga máis adiante en dirección a Pontecesures”.
“O Goberno Central incumpriu as súas promesas”
Sen embargo, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados denuncia que “os distintos Gobernos centrais incumpriron as súas promesas e o Ministerio de Fomento desoíu as reivindicacións dos veciños de Padrón”.
Ante esta situación, o deputado nacionalista pregúntalle ao Goberno se vai escoitar aos veciños e cambiar o trazado da variante e solicítalle dados concretos de prazos e orzamentos desta obra.
Ademais , pede información sobre a situación administrativa do desbotado proxecto dos catro carrís e demanda unha actuación urxente para acondicionar o tramo da N-550 á altura da Ponte.
En concreto, o deputado do BNG pregúntalle a Fomento se coñece que “esta necesaria obra de adecentamento, reivindicada dese hai anos polos veciños de Padrón, acumula un inxustificábel atraso, de forma que se anunciou que para os primeiros meses de 2007 se licitaría e adxudicaría o plano de acondicionamento da travesía, unha promesa que se incumpriu”.
Por último, Jorquera solicita tamén dados concretos do Goberno sobre cando está previsto o inicio das obras de acondicionamento e o orzamento que se vai investir.
SAÚDOS: Gabinete de Prensa do BNG
|